Pont Levé!

Hoxe, por estar un laboratorio da facultade en obras, non puidemos ter clase, polo que volvimos antes a casa. Collimos o bus coma de costume para cambiar de lado da cidade cruzando le Pont Recouvrance. Pero cando nos dimos conta, o bus levábanos por outro lado. Nin nos confundíramos de bus, nin tampouco de sentido.

Que remedio nos quedou máis que realaxarnos e desfrutar da viaxe. Pero así, de repente, aparecimos unha parada máis arriba da habitual: viñéramos dando un rodeo, por unha zona descoñecida. Algo tiña que pasar coa ponte, era a única explicación, ou obras, ou un accidente.

Ao baixarnos na parada, e ver a ponte ao lonxe, descubrimos a razón de tal rodeo: Le pont était levé! Que interesante ver a ponte levantada, sobre todo pola forma na que se levanta. Elevan un fragmento da ponte, mantendo a súa horizontalidade.

A razón de levantar a ponte foi o barco militar Thétis A 785, de 1986, orientado á experimentación de guerra de minas.

Inclúo unha foto atopada en Google da ponte levantada.
Le Pont de Recouvrance Levé

E outra do barco A 785 atracado en Brest no ano 1989.

Thétis A 785 en Brest, 1989
Curiosamente hoxe está atracado no mesmo sitio, exactamente.

Fonte das imaxes:
Ponte levantada: forum-auto.com
A 785 en Brest: shipphotos.co.uk

4 comentarios »

  1. Simón said,

    Octubre 2, 2009 @ 15:32

    Home, tamén é mala sorte non ter a cámara enriba para ter sacado vós as fotos :( . Pero é unha anécdota chula, e un bo exemplo de organización: percorrido alternativo no canto de chegar á ponte e formar un atasco monumental, coa sorpresa :P

  2. victor said,

    Octubre 2, 2009 @ 17:03

    Si, deume rabia non levala enriba. Intentei facer algo coa do móbil, pero dubido tanto que o resultado fose positivo, que aínda non as mirei. Teño algunhas fotos pendentes aínda na cámara.

    Respecto ao da organización, eu pensei na Coruña, nos atascos de Alfonso Molina, e no bus urbano facendo percorridos alternativos. JA! Como moito, daríanche unha palmada no lombo.

  3. Ruben said,

    Octubre 2, 2009 @ 19:35

    Estou seguindo o teu blog dende que o atopei por casualidade fai un par de dias. Espero que sigas publicando entradas, xa que estou moi interesado no tema , posto que para o ano teño pensado facer un ano de Erasmus en Brest. Ademais estudo na FIC tamen, polo que me interesa moito a vosa experiencia, as asignaturas que convalidades, como vos organizastes e todo iso…Pois nada mais, seguirei atento a proximas publicacions..

  4. victor said,

    Octubre 2, 2009 @ 20:03

    Grazas polo interese, Rubén!

    Eu tamén espero seguir publicando cousas por aquí :-)

    Vaia coincidencia que estudes na FIC. Mándoche un correo para que teñas o meu enderezo, e así poidas preguntarme calquera cousa de organización, convalidacións, ou o que queiras.

RSS feed for comments on this post · TrackBack URI

Dejar un comentario