A côté de l’église

Vivimos ao lado dunha igrexa. A semana pasada espertei escoitando cantar na igrexa, unha coral. E onte, mentres estábamos pola habitación, escoitamos un órgano. Foi así que decidín ir ata a igrexa para preguntarlle a alguén se hoxe domingo volverían a cantar na misa.

Cando estaba achegándome á porta da igrexa encontrei bastante xente, entre eles uns señores maiores, da idade máis ou menos de meus avós, os que me indicaron que efectivamente alí había unha voda. Estiven falando un bo anaco con eles, e entre outras cousas contáronme que eles casaran nesa mesma igrexa hai 53 anos. ¡Anda, coma meus pais! pensei, e díxenllelo. Pensei tamén que moi tarde deberan casar para levar o mesmo tempo que meus pais. Eles comentáronme que aínda así, a súa petite-fille era algo maior ca min, que tiña 26 anos. Que curioso, díxenlles, que lle chamen petite a unha persoa de 26 anos. A conversación tirou por outra banda, e finalmente eu marchei a casa.

Ao comentarlle a Lucía a conversa, díxome: “Ah, si, como tus padres? Si es que no se te puede dejar solo”. Foi aí cando me dei conta de que meus pais non fixeran 50, fixeran 25. Tonto. Decateime tamén nese momento que petite-fille non era “filliña”, senón neta. Afortunadamente, eles parece que entenderon que me refería a meus avós.

En fin, onte descubrín que ademais da barreira da lingua, teño tamén a barreira da miña cabeza. Pero foi divertido.

2 comentarios »

  1. Simón said,

    Octubre 18, 2009 @ 17:07

    Cubríndote de gloria noutros idiomas :D :D :D . Así da gusto.

  2. victor said,

    Octubre 21, 2009 @ 18:31

    Faltaría máis :)

RSS feed for comments on this post · TrackBack URI

Dejar un comentario